III Congreso de Xénero, Museos, Arte e Educación


Ffotoeduca Galiza participará un ano mais no III Congreso de Xénero, Museos, Arte e Educación que terá lugar os días 3, 8, 9, 11 e 12 de marzo.

Ffotoeduca formará parte da programación do xoves 3 de marzo, que se centrará na discapacidade, migración e transxénero en horario de 17 a 21h na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo.

Agradecemos o convite e sobretodo o grande traballo que se leva facendo desde a Rede de Museos de Lugo para colocar o xénero e o feminismo nos discursos museísticos e transversais. Un grande parabén para todas elas e eles.



"Conscientes de que a transformación comeza desde a educación, este congreso forma parte dun plan de formación do profesorado avalado polo CFR de Lugo para que os días 3, 9 e 11 de marzo conformen as Xornadas Museos, Educación e Igualdade de Formación do Profesorado. O obxectivo é dotar ás formadoras e formadores de ferramentas de sensibilización e xestión da diversidade nas aulas, como lugar de convivencia natural da multiculturalidade na nosa sociedade. Un congreso aberto a outros sectores de interés e que se extende mais alá das nosas fronteiras, coa participación de profesionais desde Arxentina, Italia, México, Estados Unidos e Brasil.
Nesta ocasión o congreso divídese en xornadas. O xoves 3 de marzo focarase en discapacidade, migración e transxénero coa intervención de colectivos que traballan e forman a sociedade para a normalización destas realidades. Ademais inauguraremos dúas exposicións en chave femenina: Nós + Outras en rede, proxecto realizado en colaboración con EducaThyssen do Museo Thyssen-Bornemisza e Palabras Pintadas de Soledad Pite.
O martes 8 de marzo temos unha cita co activismo e o tecido asociativo. A comunicación e a linguaxe son os temas do mércores 9 de marzo. O venres 11 de marzo será a xornada adicada ás boas prácticas museísticas e finalizaremos o sábado 12 de marzo cunha xornada por volta de arte e xénero, onde se presentará a Bienal de MAV Mujeres en las Artes Visuales e contará coa participación de artistas e axentes que compartirán os seus proxectos de visibilización.
Consecuentes con que, como toda institución pública, debemos promover políticas de igualdade, así como ofrecer espazos de diálogo e cohesión intercultural, queremos con este encontro facilitar a vosa participación activa e a difusión de experiencias, reflexións e boas prácticas sobre o xénero e a diversidade no ámbito artístico e pedagóxico.
O III Congreso Xénero, Museos, Arte e Educación  terá lugar nos espazos da Rede Museística Provincial de Lugo

Mais informacion AQUI



Comentários

Mensagens populares