Inicio do curso e do Outono...

Coa chegada dos días máis curtos e dese ventiño fresco que alterna con raios de sol que se resisten a desaparecer, chega tamén a actividade ao Ffotoeduca.


Este sábado tivemos a primeira e segunda sesión do 1ª Curso de Formación para Formadoras Ffotoeduca.
Está a ser todo un descubrimento e un pracer compartir con alunas moi motivadas e con moita bagaxe detrás de experiencias e coñecementos propios este mundiño da educación feminista a través da fotografía.

O próximo Sábado terminaremos poñendo en contexto a historia da fotografía e especialmente a historia das mulleres fotógrafas e traballaremos nos proxectos educativos que as alunas queren poñer en marcha.




E esta semana repetimos na USC co obradoiro enfocado a alunado universitario "Fotografia Social". Dúas sesións nas que conectaremos o Dereito a Saúde co uso da fotografía para coñecer e tomar conciencia da súa importancia nas nosas vidas e nas vidas das outras.

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acollerá nos próximos días 8 e 22 de outubro un obradoiro sobre fotografía social.
A actividade abordará o dereito á saúde, a equidade de xénero e a interculturalidade utilizando a fotografía como ferramenta de transformación social.

Con este fin, divídese en dúas sesións:

– Sesión 1: 8 de outubro de 2018, de 17:30 a 19:30 h. Adicada a ler imaxes, inclúe unha reflexión sobre o dereito á saúde dende enfoques de xénero e de interculturalidade, así como aspectos técnicos sobre fotoxornalismo que poderemos poñer en práctica.
– Sesión 2: 22 de outubro de 2018, de 17:30 a 19:30 h. Orientada a contar realidades a través da fotografía, na que compartiremos as fotografías realizadas e as súas historias a fin de crear conxuntamente unha exposición fotográfica que será publicada e exposta en diversos espazos, como resultado dun proceso de Aprendizaxe e Servizo.

Este obradoiro, dinamizado por Ffotoeduca Galiza e Farmamundi, driíxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que está abierto a persoas interesadas. É gratuíto e ten carácter práctico, coa utilización dos própios teléfonos móviles para a realización de fotografías.

Para inscribirte, escribe a galicia2@farmamundi.org





Iniciando o segunda edición da Escola de Empoderamento Feminista do Concello da Coruña. Desta vez amplíase a 8 sesións de 3 horas cada unha onde desfrutaremos do proceso creativo que levamos dentro e aprenderemos o manexo básico da nosa cámara. Esta é unha demanda das alunas do curso pasado, máis sesións e incluir a parte máis técnica da fotografía para xuntas ultrapasar esa fenda tecnolóxica a través do feminismo.
Lá imos!

FfOTOCREATIVA En Ffotocreativa intégranse tres elementos básicos: feminismo, fotografía e educación: Feminismo como proposta de pensamento e acción para tomarmos de consciencia cara á creación de alternativas persoais e colectivas; fotografía como ferramenta con capacidade de crear novas realidades e visións da historia das mulleres; e Educación como un proceso creativo de intercambio de pensamentos, sentires e experiencias. Formadora Mariola Mourelo Pérez. Licenciada en Fotografía Documental pola Universidade de Gales. Posgrao en Educación Secundaria de Arte e Fotografía polo Instituto de Educación de Londres. A quen vai dirixido? Mulleres maiores de 13 anos. Cando? 24 h en total. Martes 16, 23, 30 outubro | 6, 13, 20, 27 novembro | 4 decembro. Horario? De 18.00 a 21.00 h. Onde? C.C. Eirís

A Escola de Empoderamento Feminista é un recurso municipal de formación para a cidadanía que busca abrir procesos democráticos alentando a unha maior participación activa das mulleres; á creación de redes; á mellora da incidencia política para a igualdade e á inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida municipal. Nesta segunda edición consolidamos a súa programación de actividades, tratando de conectar á cidadanía da Coruña con propostas de formación diversas e recoñecidas, co feminismo como eixo de transformación social, tanto dende o nivel individual como dende o colectivo. Inscrición Período de inscrición: Na web, dende ás 14.00 h do día 4 de outubro ata ás 21.00 h. do 10 de outubro. Presencial, no Centro Cívico da Cidade Vella, os días 6, 8, 9 e 10 de outubro de 10.00 h a 12.00 h. e de 18.00 h a 20.30 h. O formulario de inscrición estará dispoñible durante ese período en Formulario de Inscripción

Vémonos!

Comentários

Mensagens populares